Mediación Familiar

A Mediación Familiar permite ás familias xestionar os conflitos e controversias de xeito amigable, decidindo  conxuntamente aquelo que é mellor para todas as persoas implicadas. Posibilita aos proxenitores/as centrarse nas necesidades e benestar  dos seus fillos e fillas, e seguir mantendo unha relación de coparentalidade positiva, evitando  que a ruptura cause estragos irreparables dentro do conxunto familiar.

No procedemento de mediación atenderanse os intereses de cada un e procédese como vos explicamos a modo de exemplo.  Se vos facedes mais preguntas, mirade o apartado de  Preguntas e comentarios frecuentes sobre a mediación ou contactade directamente con nós.

O programa SAFIM de Mediación Familiar (ata 2023) foi prestado por profesionais, de forma gratuíta para os usuarios, durante o ano 2019 grazas á subvención (27.937,59€) recibida  dende a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia con cargo ao 0,7% do IRPF, pero posteriormente non acadou subvención. Dende o ano 2021 ata xuño de 2023 ofreceuse de acordo ás seguintes condicións:  A primeira sesión, de caracter informativo e onde as partes acordan o inicio do procedemento, é gratuíta. As seguintes 5 sesións (duración media do procedemento) os profesionais conveniados cobrarán directamente aos usuarios 33,06€ mais IVE, e da sexta en adiante 50€ mais IVE. A AGPNS non obtiña ingresos por esta actividade.

 

VANTAXES DA MEDIACIÓN FRONTE A UN XUIZO

 

MEDIACIÓN

TRIBUNAIS

O control do proceso e o resultado téñenno as partes

O control do proceso e o resultado tenno o xuíz

Colaboración

Confrontación

O resultado: Gañar-Gañar

O resultado: Gañar-Perder

As partes son os protagonistas na solución

A decisión é do xuíz

Máis compromiso das partes co resultado

Pouco compromiso das partes co resultado

Posibilidade de reanudar o dialogo entre as partes

Ruptura coas posibilidades futuras de diálogo entre as partes

Permite solucións creativas rápidas

Solucións máis limitadas

Procedemento rápido

Procedemento longo

Menor custe económico e emocional

Maior custe económico e emocional

Preven conflitos futuros

Reitera conflitos

Xenera empatía

Xenera hostilidad

Alta probabilidade de cumprimento

Máis dificultade para o cumprimento

 

Un exemplo do procedemento de mediación

Atender os intereses de cada un

Non se pretende vencer ao outro, senón satisfacer os intereses de cada un.

O procedemento de mediación axúdache a ti mamá, papá ... pero sobre todo axudades a mellorar a vida dos vosos/as fillos/as.

Mediación, explícamo.png

Pode solicitalo calquera dos proxenitores dunha forma moi sinxela e non implica que quen solicite antes leve vantaxe algunha, senón que lle preocupa que unha situación que se pode arranxar dialogando e escoitando nun lugar seguro e agradábel, remate destruíndo a túa vida e a vida dos teus fillos/as si escolles o camiño xudicial.

 

Cando te poñas en contacto con nos, a través dos nosos teléfonos ou correos electrónicos, xa te damos unha cita de forma inmediata para que podamos falar de forma presencial e informarche con todo detalle sobre o proceso de mediación.

 

Durante a nosa conversa, e según vaiamos sabendo máis cousas que nos contas, e que escoitaremos con toda a atención do mundo porque só estaremos ti e máis eu; decidiremos cal é a mellor forma de axudarte a encamiñar e mellorar a túa situación persoal e momentánea.

 

Lembra que para axudarche temos que coñecer tamén a outra parte afectada e que tamén nos gustaría escoitar,  a túa ex-parella.

 

Non te preocupes que seremos nos os que falaremos e poñeremos en contacto con el/ela para invitalo/la  a reunirse con nos, e insistiremos en volver a escoitar o seu punto de vista con toda a atención do mundo.Unha vez que teñamos coñecemento da situación, se queredes, vos propoñeremos dar comezo a mediación.

En resumo faremos o que segue

Mediación, como funciona isto.png

  1. Reunirémonos os tres, preferiblemente: ti, mediador ou mediadores/as, a túa ex-parella; e vos explicaremos paso a paso o que imos facer durante cada unha das sesións de  aproximadamente 1 hora que imos a desenvolver. As datas da vosa preferencia, as horas o lugar, etc. Normalmente precisamos en torno a 8 sesións pero vai a depender da satisfacción e avance da vosa colaboración.

  2. Si estades de acordo en iniciar o procedemento de mediación, firmaremos un acta onde poñeremos a vosa conformidade e, ademais, firmaremos un documento de confidencialidade porque, todo o que se fale durante as sesións, non se lle pode comunicar a ninguén de fora. Isto último é moi importante.

  3. Durante as seguintes sesións, iremos falando de como queremos facer as cousas no momento presente que é donde podemos actuar, e de cara o futuro. Facendo isto poderemos despexar moitas dúbidas, medos e inseguridade que sempre nos confunden para tomar as mellores decisións.

  4. Haberá cousas que non podamos conseguir como tiñamos previsto, cousas menos importantes; pero seguro que vos poñeredes de acordo no máis valioso. Tratarás de vir con boa vontade para negociar os teus intereses, o que de verdade precisas.

  5. Por último, se ao final conseguistes chegar a un acordo que che satisfaga, podemos redactar un contrato ou acordo de parentalidade onde aparecerán de forma moi clara cada un dos puntos que aceptaches cumprir e que te comprometen fronte a túa ex-parella e os teus fillos/as. É mais doado cumprir aquilo que te comprometes a facer que aquilo que che impoñen facer ... nonsí?

PREGUNTAS E COMENTARIOS FRECUENTES SOBRE A MEDIACIÓN

 

Que é isto da mediación?

É un servizo para que os/as cidadáns/nas poidan resolver os seus conflitos a través do diálogo e a escoita.

 

É necesario que todas as partes queiran mediar?

Só que unha parte o solicite é suficiente para iniciar o proceso de mediación. Daquela o   profesional xa lle ofrecerá participar á outra parte.

 

Eu teño que poñerme en contacto coa outra parte?

Non, quen fará o primeiro contacto coas partes será a persoa mediadora.

 

Teño que ver e/ou sentarme ca outra parte?

É moi conveniente para o proceso, porque se vostedes non falan e se escoitan directamente, será difícil resolver a situación de conflito. En todo caso, sempre será coa presenza do/a mediador/a.

A persoa mediadora pode facer unha entrevista coa persoa solicitante da mediación e poderalle explicar con máis detalle como funciona.

 

Eles diranlle ao outro/a o que ten que facer ( p.ex. "que sexa educado/a")?

A persoa mediadora falará con todas as partes. Serán vostedes quen decidirán como resolver a situación, coa axuda do/a mediador/a.

 

Se me insultan, levántome e voume ... ?

A sala de mediación é un espazo de diálogo e respecto. A persoa mediadora velará para favorecer o respecto mutuo. Pero vostede pode deixar a mediación sen problemas, xa que é voluntaria

 

E de que sirve se o outro/a non quere ir?

Non se sabe se a outra parte quererá ir. Moitas veces a xente non o espera e o outro acepta.

Se chegado o punto a outra parte non vén, sempre se pode facer un traballo persoal de reflexión e análise coa persoa afectada sobre como quere / pode afrontar o problema. A persoa mediadora non a deixará soa, senón que lle acompañará en todo o proceso.

 

É un tema moi delicado ...

A sala de mediación é un espazo confidencial e seguro. Vostede poderá contar en confianza o que crea conveniente ao/a mediador/a.

 

Teño medo! Podo vir acompañado/a de alguén?

Si, por suposto. Sempre pode vir acompañado/a. A persoa mediadora o acollerá e valorará con vostede(s) como afrontar a situación.

 

Canto tempo leva un proceso de mediación?

Depende da vontade e a dispoñibilidade das partes. En todo caso, en menos dunha semana a persoa mediadora poñerase en contacto co/a solicitante da mediación.

O proceso de mediación pode ser máis áxil, eficaz e  reparador que outras vías (por exemplo, a vía xudicial).

 

E se vou a mediación non perderei o tempo, por exemplo, de ir a xuízo?

Iniciar un proceso de mediación non impide iniciar outros a posteriori. Non perde nada!

Sempre é mellor poder falar a tempo dunha situación de conflito antes de que escale e vaia a máis.

 

Os acordos teñen valor legal?

Claro! O acordo de mediación ten a validez legal dun contrato entre privados.

 

E se non chegamos a un acordo, entón que?

Como mínimo falaron e tentouno. Ás veces, os acordos non son inmediatos e as persoas necesitamos tempo. Chegado este punto, o/a mediadora apoiaraos respecto como afrontar o problema e vostede sempre poderá emprender outras accións, se así o desexa.

 

Eu prefiro poñer unha demanda xudicial ...

Sempre está a tempo de poñela! A mediación non invalida iniciar outros procesos. Antes, pense como afectará á súa relación se pon unha demanda xudicial!..... Pense como recibiría vostede unha citación para un xuízo da outra parte ...

 

Danme asesoramento legal?

Non, na mediación non se dá asesoramento legal, pero se é necesario polo proceso, recomendaranlle que o faga.

 

Hai que vir con avogado/a? Pode ir el/ela na miña representación?

Non é obrigatorio vir con avogado/a, pero se o cre pertinente, sempre o/a pode acompañar.

Por outra banda, non pode delegar nel/ela a súa representación, xa que o proceso de mediación é un proceso persoal. A resolución do problema pasa polo diálogo persoal e directo das partes implicadas.

 

Pénsoo e xa vos direi se quero mediar ...

Ningún problema! O proceso de mediación é un proceso voluntario, de forma que vostede pode participar e deixalo cando o crea oportuno, claro, comunicándoo á persoa mediadora.

 

E por que teño que ir á sala de mediación? Non poden atenderme por teléfono?

Os profesionais mediadores necesitan falar directamente coas persoas implicadas para entender mellor o conflito. Ademais, quérenlle dar o tempo e a atención necesarios para que poida explicar ben a súa situación e ademais, coñecer mellor a mediación.

 

Fonte:

GRUPO DE TRABALLO DE CATALUNIA DE PROTOCOLOS DE DERIVACIÓN.

PUNTO NEUTRO PARA A PROMOCIÓN DA MEDIACIÓN ( PNPM).