A actividade do SAFIM sustentarase en 2021 na colaboración de voluntarios e profesionais
De maneira parcial xa en 2020 e integramente en 2021, a actividade do SAFIM mantense cos recursos propios da AGPNS e a colaboración de profesionais, voluntarios e os propios usuarios, dado que non se acadou subvención na pasada convocatoria de 2020 para Programas de interese xeral para fins de carácter social, subvencionados con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, xestionada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Programa “Ruptura de Parella, non de Familia”
Nos presentes tempos o contacto inicial e a atención dos usuarios realízase principalmente de maneira telemática: por teléfono, vídeo-conferencia e correo electrónico. As sesións presenciais, cando se programen, terán lugar en Santiago. Isto fíxose preciso debido ás condicións COVID-19 pero tamén para reducir a necesidade de desprazamento e propiciar a participación de usuarios de tódalas áreas de Galicia. Na modalidade de atención telemática o procedemento é o mesmo que o presencial, coa diferenza de que os cuestionarios e os documentos son cubertos a través de formularios on-line ou se fan chegar a través do correo electrónico.
No ano 2021 a atención dos usuarios deste programa realizarase de forma gratuíta grazas a psicólogos voluntarios que atenderán aos solicitantes segundo dispoñibilidade.
Este programa foi prestado por voluntarios e profesionais de forma gratuíta para os usuarios durante os anos 2019 e 2020, cos fondos da subvención (12.789,21€ no 2020, 34.524,41€ no 2019) recibida dende a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia con cargo ao 0,7% do IRPF. Para o ano 2021 non se acadou subvención.
Programa de Mediación Familiar
Para o ano 2021 ofrécese de acordo ás seguintes condicións: A primeira sesión, de carácter informativo e onde as partes acordan o inicio do procedemento, é gratuíta. As seguintes 5 sesións (duración media do procedemento) os profesionais conveniados cobrarán directamente aos usuarios 33,06€ mais IVE, e da sexta en adiante 50€ mais IVE. A AGPNS non obtén ingresos por esta actividade.
Este programa foi prestado por profesionais, de forma gratuíta para os usuarios, durante o ano 2019 grazas á subvención (27.937,59€ para o 2019) recibida dende a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia con cargo ao 0,7% do IRPF, pero posteriormente non acadou subvención.
Programa de Coordinación de Parentalidade
Para o ano 2021 ofrécese de acordo ás seguintes condicións: A primeira sesión, de carácter informativo e onde as partes acordan o inicio do procedemento, é gratuíta. As seguintes 5 sesións (entendidas como dúas horas de atención, continuada ou fraccionada) os profesionais conveniados cobrarán directamente aos usuarios 40€, e da sexta en adiante 60€. A AGPNS non obtén ingresos por esta actividade.
Este programa foi prestado por profesionais, de forma gratuíta para os usuarios, durante o ano 2019 grazas á subvención (27.937,59€ para o 2019) recibida dende a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia con cargo ao 0,7% do IRPF, pero posteriormente non acadou subvención.
Información completa en: http://www.safim.gal
Topics
Related Posts
Non hai contido relacionado