Programa “Ruptura de Parella, non de Familia”

- programa gratuíto -

O Programa “Ruptura de Parella, non de Familia” está dirixido a tódolos membros da familia, especialmente a pais e nais e a fillos e fillas. A través de sesións de carácter individual e nalgúns casos grupais, sempre en función das necesidades e os intereses das familias, búscase axudar a superar a situación de ruptura da maneira máis beneficiosa, reducindo o impacto negativo en menores e adultos.

Nos presentes tempos o contacto inicial e a atención dos usuarios realízase principalmente de maneira telemática: por teléfono, vídeo-conferencia e correo electrónico. As sesións presenciais, cando se programen, terán lugar en Santiago. Isto fíxose preciso debido ás condicións COVID-19 pero tamén para reducir a necesidade de desprazamento e propiciar a participación de usuarios de tódalas áreas de Galicia. Na modalidade de atención telemática o procedemento é o mesmo que o presencial, coa diferenza de que os cuestionarios e os documentos son cubertos a través de formularios on-line ou se fan chegar a través do correo electrónico.

No ano 2021 a atención dos usuarios deste programa realizarase de forma gratuíta grazas a psicólogos voluntarios que atenderán aos solicitantes segundo dispoñibilidade. Esta actividade corresponde ao programa de voluntariado Parentalidade Positiva no Programa Ruptura de Parella, non de Familia da Asociación Galega de Pais e Nais Separados (entidade con número O-955 do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia). A descrición completa pode consultarse no documento Descrición do proxecto de voluntariado.

O programa foi prestado por voluntarios e profesionais, de forma gratuíta para os usuarios, durante os anos 2019 e 2020 cos fondos da subvención (12.789,21€ no 2020, 34.524,41€ no 2019) recibida  dende a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia con cargo ao 0,7% do IRPF.  Para o ano 2021 non se  acadou subvención.

 

− Axuda ás persoa adultas  a entender os cambios que a ruptura de parella produce, así como a afrontalos eficazmente a través da aprendizaxe de habilidades e estratexias concretas.

− Sensibiliza a pais e nais sobre os  beneficios que supón para os seus fillos e fillas a colaboración parental, así como sobre as consecuencias negativas  derivadas dunha relación interparental conflitiva.

− Explica as vantaxes que a MEDIACIÓN FAMILIAR pode ofrecerlles para lograr o benestar deles e dos seus fillos e fillas.

 

A FILLOS E FILLAS:

− Axúdalles a entender e a expresar as dúbidas e sentimentos que presentan sobre o proceso de separación.

− Axúdalles a afrontar os problemas relacionados coa ruptura da parella dos seus pais e nais.

− Increméntalles a autoestima e a intelixencia emocional, as estratexias de afrontamento que lles permitan adaptarse á nova situación familiar.